Xornalistas Galegas preséntase en Santiago o 10N para reivindicar un xornalismo feminista

Xornalistas Galegas, unha asociación que integra a mulleres profesionais do eido da comunicación, preséntase publicamente o sábado 10 de novembro nun acto no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. Neste evento reivindicarase a necesidade dun xornalismo feminista.

O programa do acto, no que se está traballando neste momento, recollerá o testemuño de voces autorizadas de mulleres destacadas do xornalismo, do feminismo e pioneiras doutros ámbitos. Trátase de responder a unha pregunta sinxela pero imprescindible: por que é preciso un xornalismo con perspectiva feminista?

O colectivo arrancou simbolicamente o pasado 7 de xullo, nunha asemblea tamén en Compostela, coa sinatura dun manifesto fundacional. Xornalistas Galegas recolle a necesidade dun grupo de mulleres de organizarse despois da folga feminista do 8M , que tivo un masivo seguimento en todo o País. Durante estes meses realizáronse varias xuntanzas de traballo para definir os principais obxectivos da asociación.

A presentación do 10 de novembro será un acto reivindicativo e de posta en valor da importancia das mulleres no xornalismo e sobre todo da oportunidade que temos de reverter situacións de desigualdade así como “incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real” como recolle o manifesto da asociación.

Ata o momento case duascentas profesionais dos medios de comunicación se teñen adherido ao manifesto Por un xornalismo feminista.

O colectivo dispón xa dunha conta de Twitter, @asxornalistas; unha páxina de facebook e o blog Xornalistas Galegas, no que se fan visibles os obxectivos da asociación ademais de dar conta das diferentes actividades nas que participa. Nos vindeiros días publicarase nestas canles o programa completo da xornada de presentación do 10 de novembro. O acceso á mesma é libre ata completar aforo, mais dende a organización agradecen que se estás interesad@ cubras o seguinte Formulario de Convite á presentación da asociación XORNALISTAS GALEGAS.

Deixar un comentario